Queimar a casa do amo

"Queimar" a casa do amo


Imaxes da NASA cos lumes activos en tempo real a 15 de agosto de 2025.

 

Cada galo que canta nos faiados denuncia unha falcatruada, porque os labregos non regalan galos de balde.” Castelao

Cando o amo e o seu séquito de negros da casa semellan ser aparentemente indestrutibles, aterrorizando á poboación e destruíndo todo... Han ser os negros do campo quen descubra a verdadeira chafallada que os suxeita. Darse de conta de que son mortais, de que tamén arden e sofren a tortura. De que teñen un poder imaxinario, o dun sistema que os sustenta dun xeito insostible. Coma un castelo de naipes coroado por dous incisivos de almafí. Coma os metros de estrato de sólo dun monte galego feitos cinsa anunciando investimento no rural. Coma as turbeiras e brañas do nacemento dun río co arsénico a flor de pel. Coma Galiza crucificada por unha invasión eólica que nin funciona, producindo enerxía de máis e distribuíndoa fóra. Coma Guinea Ecuatorial logo de décadas de longas e intensas ditaduras de distintas “ideoloxías”. Como o que queda dunha vella colonia que fora a primeira autonomía estatal española, e da que queda ata suavizada a figura do fascismo da falanxe, grazas aos negros da casa que se fixeron amos do seu pobo. Coma Galiza nas mans dos brancos da casa que a desgobernan xunto aos centristas que nada saben dela nin nunca quixeron saber moito. Coma os colonos canadenses, noruegos ou estadounidenses, que a través de valeiros legais e tratados, queren baleirarnos e queimarnos a nós (proxectos mineiros, eólicos, aranceis nunha terra históricamente autosubsistente e sostible en agrogandeiría... Tratados transatlánticos... ). O que vivimos é a crónica dun territorio anunciadamente destruído.

Propaganda autoría de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao para o primeiro Estatuto de autonomía galego. Foi plebiscitado o 28 de junio de 1936, durante a Segunda República pero non se puido materializar, por mor da Guerra Civil.

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca, non ten dereito a muxila.” Castelao
Malcolm X - Negro de la casa y Negro de campo.

 

E qué hai dos negros do campo? Qué pasa con eles? Que ao final, son os que morren entre lapas. Os que salvan todo o territorio, co sustento, apagando o lume que lles prantan os secuaces dos amos e os seus negros da casa. Será desta vez, que eses negros do campo desenvolverán unha sólida estratexia que lles permita unha estrutura sistémica na que a terra sexa para quen a protexe? Na que quen goberna sexa o sentido común? Só un quilombo armado sen medo, unindo forzas... Só os espíritos da Pepa Loba, Maria Pita e Carmen Seguín servirannos coma espertar e escudo, contra as bacterias internas e os parásitos externos que nos colonizan e destrúen na terra nai, desde tempos romanos. Só os espíritos de Nanny Maroon, Egeria, Maria Remedios del Valle, Paqui Perona ou Winnie Mandela servirán para unir un pobo sabio e forte, para armar un palenque, montar a revolución ou o que cómpra... Para botar os que se cren amos dalgo que descoñecen, detestan e destrúen. Desde o raigame ata as pólas, desde as mitocondrias ata a caluga. Desde Cali, ata Boys-Caiman, desde Bata ata o “val de Fernando Poo” Ourensán. Desde La Mina ata O Bierzo.

Egeria foi unha intelectual viaxeira, autora de Itinerarium Egeriae: Crónica da súa longa viaxe aos Santos Lugares: Exipto, Palestina, Siria, Mesopotamia, Asia Menor e Constantinopla, entre o ano 381 e 384.

Non "queimemos" a plantación que fixemos coas nosas mans. "Queimemos", pois, non só a casa do amo, senón a estrutura de negros da casa que a sustenta. Sufoquemos o lume interno da alma e o corazón, coas bágoas acumuladas. "Fagamos cinsas" a mafia rural que tanto rexeita e imposibilita, pero non a terra que nos alimenta, enfría no verán, quenta no inverno, hidrata, osixena e enerxiza. Asulaguemos o colonialismo que permite que as maiores masacres humanas do presente pasen desapercibidas, que África semelle non ter espazo nin en segundo plano, cando a súa revolución e erguemento está a acontecer nas nosas narices (por moito que lles doa no orgullo a moitos, de todas as cores e ideas). Asimilemos que no mundo que nos vén, Europa é o castelo de naipes, namentres o palenque e a revolución son o único futuro próximo e a longo prazo posible contra novos parásitos colonos que non vou nomear, por non facerlles máis propaganda da que xa teñen. Contra un cambio climático capitalizado a berros. 

A liberdade é a única reserva coa que contan os pobos para crearen o seu futuro.” Castelao

Viñeta "Nanny Maroon" ou Nanny Cimarrón. ©Idoia de Luxán.

Nota.: O de queimar é metafórico (non vaia ser... NON QUEIMEDES NADA! ). 
Poderán os "negros do campo" galegos comportarse coma negros do campo cimarróns quilombeiros, en contas de como negros da casa, unha vez pase toda a vaga?
Non é comparable a historia da escravitude negra coa de Galiza, sería un insulto á sensibilidade e á intelixencia. (Empezando porque Galiza foi un dos territorios de onde partiron máis barcos de escravos, migración a Guinea Ecuatorial... ) Mais sí hai moito paralelismo na destrución dun sentir de ser e pertencer, de defender e posuir... De ter dereito a, e no cómo o xestionamos, no que nos é propio.

Grazas á Malcolm Garvey University e ao Movemento Panafricanista IV Internacional (Garveyista, Cimarrón, Womanist e Rastafari) por ensinarme o máis importante aprendido na vida. Especialmente a Abuy Nfubea, Ondo Ondo Angono, Fabian Riascos, Fidel Juez e Camilo Las Heras. Grazas a Camilo de Dios, a Paco Boluda, a Xosé Santos, a Alba Vázquez Carpentier, a Óscar Pinal, a María de Seixalbo, a Lola Lluch, a Pastor Fábrega, a xente ocasional que marcou moito a miña vida coma Lana Rocha, Florent Marcellesi, Carlos Taibo, Arcadi Oliveres (DEP)... Aos arquivos e bibliotecas. Grazas a ti, que me les, si escolles quilombo e palenque.

Idoia de Luxán

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Funeral tributo: Assata Shakur

CONGRESO PANAFRICANISTA de América Latina Iberofonía Encuentro politico de la hispanidad Negra